Personal tools
A Network of Excellence forging the
Multilingual Europe Technology Alliance

META-NET Strategic Research Agenda for Multilingual Europe 2020

Comprensión ilimitada: Unha Europa sen barreiras lingüísticas

Unha estratexia europea para superar as barreiras de comunicación e preparar a Europa para a próxima revolución das Tecnoloxías da Información

Europa está a enfrontarse a unha crise de comunicación grave. O último estudo da rede META-NET "As linguas de Europa na era dixital", publicado o ano pasado en 31 volumes para 31 linguas, mostra que a maioría das linguas europeas están en perigo de "extinción dixital": non teñen suficientemente apoio das tecnoloxías da información para poder sobrevivir no mundo dixital. A inmensa diversidade lingüística é un elemento definitorio do patrimonio cultural do noso continente, pero á vez é tamén un obstáculo para o comercio e os negocios e para unha maior integración europea. A pesar do grande investimento que houbo en tradución, hoxe en día só unha pequena fracción da información valiosa está dispoñible en todas as linguas europeas, de maneira que, por culpa das fronteiras lingüísticas, os cidadáns europeos non teñen oportunidades de debater entre eles cuestións importantes. A comunicación entre os gregos e os alemáns sobre a crise financeira, por exemplo, pasa a través dos medios de comunicación locais e dos políticos nacionais; pero estas canles non sempre promoven a comprensión mutua. En momentos en que as redes sociais e Internet están a modificar profundamente as decisións políticas, a UE non se beneficia bastante destes cambios. Os cidadáns daneses non debaten cos franceses sobre as vantaxes e inconvenientes das fontes de enerxía nuclear; non é posible un diálogo internacional entre os cidadáns da UE mediterránea sobre as posibles consecuencias dunha política de inmigración común, diálogo no cal tamén terían que involucrar aos seus veciños do norte.

Co fin de crear unha Europa sen barreiras de comunicación que dea apoio ao libre fluxo de información, de ideas e de comercio, que respecte a riqueza cultural e lingüística e a diversidade, META-NET, unha rede de excelencia europea constituída por 60 centros de investigación en 34 países, elaborou unha Axenda estratéxica de investigación (“Strategic Reserach Agenda”, SRA), que describe o xeito como o investimento en tecnoloxías da linguaxe pode xerar considerables beneficios económicos, que compensan, de longo, o custo. Máis de 200 expertos en lingüística e tecnoloxías, así como tamén representantes doutros axentes interesadas, contribuíron durante os máis de dous anos de preparación. Este documento deuse a coñecer oficialmente e foi presentado aos representantes da Comisión Europea, a investigación, a industria e a tecnoloxía nun simposio o 25 de xaneiro de 2013, en Berlín, Alemaña.

A SRA mostra que Europa pode converter a súa diversidade lingüística e cultural nunha vantaxe competitiva. A comunidade de investigadores europeos en tecnoloxía da lingua, tanto do mundo académico coma da industria, é moi competente en tecnoloxías multilingües e encóntrase nunha posición privilexiada co fin de ter un papel destacado na próxima revolución da tecnoloxía, que implicará de xeito significativo a linguaxe humana, o coñecemento e a emoción. Neste sentido, o sistema Siri de Apple e a busca de Google por voz son só os primeiros pasos. A linguaxe humana converterase no medio preferido para a comunicación entre as persoas e a tecnoloxía. Co fin de que esta tecnoloxía se poida desenvolver, necesítanse programas axeitados para os diferentes idiomas, servizos e dispositivos, feito que supoñerá a creación dun gran mercado. Xa hoxe, a tecnoloxía da linguaxe proporciona acceso ao coñecemento humano dixitalizado que contén a web, e nun futuro próximo o alude diario de datos textuais (“Big Data”) será semanticamente analizable para mellorar a busca de información aparecendo entón numerosas aplicacións novas.

Na súa proposta de programa de investigación paneuropeo, a SRA recomenda que os esforzos en investigación académica e desenvolvemento industrial se centren en tres temas prioritarios:

  1. A Nube translingüística (“Translingual Cloud”): terá que proporcionar servizos de tradución xenéricos e especializados a todos os cidadáns, empresas e organizacións europeos. Estes servizos abranguerán tecnoloxías de tradución automática de alta calidade, precisas e fiables para a linguaxe falada e escrita, e implicarán tradutores e intérpretes nas tarefas que as máquinas, por si soa, non poden tratar.
  2. A Intelixencia social e a e-participación (“Social Intelligence and e-Participation”): céntrase no desenvolvemento de recursos e ferramentas para dar apoio á comprensión e o diálogo dentro de, e entre comunidades de cidadáns, clientes e consumidores, para permitir a participación electrónica e establecer procesos máis eficaces para a preparación, a selección e a avaliación de decisións colectivas.
  3. Os Asistentes interactivos con capacidades sociais (“Socially Aware Interactive Assistants”): a investigación concéntrase no desenvolvemento de asistentes dixitais omnipresentes capaces de aprender e adaptarse para ofrecer un apoio proactivo e interactivo segundo situacións concretas, lugares e obxectivos do usuario a través da interacción por medio de linguaxe falada.

META-NET tamén avoga polo deseño e desenvolvemento dunha plataforma europea de servizos de tecnoloxías da lingua que poida ofrecer tecnoloxías da lingua aos usuarios e clientes.

"Europa necesita urxentemente un software de tradución automática de alta calidade para todas as linguas europeas e as principais linguas non europeas coa finalidade última de superar as barreiras do idioma. Estas barreiras prexudican o obxectivo da UE a longo prazo de establecer un mercado único dixital, xa que obstaculizan o libre fluxo de coñecemento, información, bens, produtos e servizos", di o profesor Hans Uszkoreit, coordinador de META-NET e director científico do DFKI (Centro Alemán de Investigación en Intelixencia Artificial). O Dr. Georg Rehm (DFKI), coeditor da Axenda estratéxica de investigación e xestor da Rede de META-NET engade: "Despois do accidente de Fukushima en marzo do 2011, toda Europa debateu os proles e as contras da enerxía nuclear, pero só dentro dos límites de comunidades lingüísticas específicas: nunca houbo un debate a nivel europeo! As tecnoloxías que promovemos permitirán en Europa levar a cabo estes debates cruzando fronteiras lingüísticas e chegar a un novo nivel de identidade europea entre os cidadáns."

Grazas a un esforzo coordinado a grande escala dende agora ata o ano 2020, será posible desenvolver estas tecnoloxías que ofrecerán novas aplicacións e servizos aos cidadáns, e que farán posible a creación dunha serie de novas oportunidades para as Tecnoloxías da información e as industrias da linguaxe en Europa. A alta carga financeira per cápita que sofren as comunidades lingüísticas máis pequenas, a necesaria transferencia de tecnoloxía entre linguas, a falta de interoperabilidade dos recursos, ferramentas e servizos, e o feito de que as fronteiras lingüísticas a miúdo non coincidan coas fronteiras políticas esixen unha resposta que vai máis alá da que un só país pode ofrecer. Este gran reto tense que abordar a nivel da Unión Europea, implicando aos seus Estados membros e aos países asociados, en estreita colaboración coa industria. A SRA proporciona unha folla de ruta para facer fronte a estes retos dun xeito que permita que todos os cidadáns europeos resulten beneficiados e que garanta que Europa se converta nun líder tecnolóxico no mercado e na economía mundial.

Tecnoloxía da lingua: Antecedentes

A tecnoloxía da lingua dános apoio en moitas tarefas cotiás, como escribir correos electrónicos ou facer reservas de voos. Permite que haxa programas capaces de procesar linguaxe humana falada ou escrita. Beneficiámonos na busca e tradución de páxinas web, cando damos ordes ao sistema multimedia do noso coche ou teléfono móbil, así como tamén con diversas máquinas e aparatos, como os robots de servizo que pronto entrarán nos nosos fogares e postos de traballo. Alí onde esteamos, cando necesitamos información, simplemente pedirémola. Eliminar a barreira de comunicación que hai entre as persoas e a tecnoloxía cambiará o noso mundo. A tecnoloxía da lingua axudará a todas as persoas a colaborar, aprender, facer negocios e compartir coñecementos por enriba das barreiras lingüísticas e sen que fagan falta coñecementos informáticos específicos.

Hoxe en día, a tecnoloxía da linguaxe baséase fundamentalmente en métodos estatísticos que requiren grandes volumes de datos de linguaxe escrita ou falada. Especialmente para os idiomas con relativamente poucos falantes, é difícil obter datos abondo. Non obstante, algúns avances recentes apuntan que se poderá superar esta limitación e que a tecnoloxía da linguaxe será unha das áreas clave de crecemento na tecnoloxía da información. As grandes corporacións internacionais como Google, Microsoft, IBM e Nuance fixeron investimentos substanciais nesta área. Europa, pola súa rica experiencia tecnolóxica, cultural e lingüística, con xa centenares de pequenas e medianas empresas con tecnoloxías especializadas multilingües encóntrase nunha posición privilexiada para acabar sendo o líder na creación de aplicacións e servizos.

Acerca de META-NET e META

META-NET, é unha rede de excelencia de 60 centros de investigación en 34 países, que participou de diversos proxectos da UE. Está dedicada a sentar os fundamentos tecnolóxicos da sociedade da información multilingüe.

META-NET está forxando META, a Alianza europea para unha tecnoloxía multilingüe. Máis de 600 organizacións, centros de investigación, universidades e empresas privadas de 55 países xa son membros.